A túa Tristura

Sadness_by_lipflowerX

Sadness_by_lipflowerX

A Ricardo Bórnez

“É unha mágoa que alguén da miña idade
Aínda teña que chorar”-dixeches.

“Chorar é natural”- tan simple, tan sinxelo.

Chórase ó nacer, e te choran
Cando morres.

Sentín esa mágoa túa metida no meu peito,
Coma se unha pedra me amolara na gorxa,
Coma se a túa tristura tivese forma humana
E eu estivera xunguida ó seu corpo lene e doente.

A túa tristura ten ollos de muller esgotada
Polos vellos tictacs dos reloxios de agullas vingadoras.
Muller desfeita, feita alma,
Muller sen carne, enchida de brétema.

A túa tristura ten ollos de muller morta,
Esmagada polos vellos automóviles de luces amarelas,
Cega pola distancia asoballante
dunha data a que lle puxeron un DEP.

A túa tristura é un corpo de muller fóra dela,
Acadando cristais sanguentos dos cereixos.
Da neve, o bico sen sede dun amante toco
Que agarima as súas pernas de femia salvaxe e espida.
A túa tristura son os seos feitiños dunha muller nova,
Peitos que se abren cedo para ti como rosas da mañán.
Perfectas ondas nas que mergullarse nun mar de saíva.
Lembranzas que fan tremer o corpo de desexo.

 

A túa tristura é unha tolemia.
Tolo, tolo.
Tolo pola delicada beleza esnaquizada.